top of page
DSC_0362_edited_edited.jpg
LOGO CÍRCULO.png

DEBULLANDO RAÍCES

ATA CANDO?

A realidade dos nosos oficios non foxe da situación actual do noso rural. Os hábitos de consumo actuais fan insostibles a maior parte dos oficios tradicionais galegos e ademais, a falta de poboación rural leva inevitablemente á desaparición dos labores históricos da nosa comunidade. Aínda así, e con poucas expectativas de futuro, hai quen segue apostando por conservar o labor que por herdanza lle deixaron os seus pais. E tamén outros aos que a afección pola historia e a tradición galega os leva a loitar polo recordo e a conservación dos nosos oficios.

O FERREIRO

DSC_0232.JPG

Un futuro na profesión dos ferreiros non é palpable. Este oficio tradicional xa comezou a perder fol cara a finais do século XIX, cando se instauraron os procesos mecanizados e se invadiron os pequenos talleres galegos, de maneira que a produción pasou a circunscribirse á venda a maior escala. Unha situación que chega ata os nosos días, onde a globalización é a que ten o poder no mundo.

Construción en honra aos ferreiros no Mazo Ferreiravella

Neste sentido, os propios ferreiros foron os primeiros que se encargaron de non inculcar ás novas xeracións un oficio "sen unha saída laboral factible". Deste xeito, a identidade do colectivo foise perdendo co paso dos anos, facendo cada vez máis difícil a conservación de testemuñas dos modos de vida pasados, dos valores e das crenzas de toda unha comunidade.

"Hoxe xa non queda quen queira seguir"

- Agustín Iglesias

Na actualidade, as poucas persoas que se adican á profesión, como Agustín Iglesias, comparten un pensamento que camiña nesta tendencia, pois el mesmo alega que “hoxe xa non queda quen queira seguir”. Ademais, este ferreiro de Riotorto incide no feito de que “é un traballo duro”, á par que “leva tempo aprender e a xente o que mira é ter un bo traballo e traballar poucas horas”.

 

Con todo, aclara que “hai moita menos demanda pero tamén menos quen faga. Máis demanda e menos oferta. Podíase producir moito máis para a demanda que hai”. Pero a realidade non é outra. O rural está despoboándose e, por tanto, as ferramentas que fabrican son cada vez menos necesarias. Aínda así asevera que “no rural, un fouciño nunha casa fai falta (...) para cortar unha cana (...) non vas ir coa desbrozadora ao lombo”.

DSC_0235.JPG
DSC_0242.JPG

Estado actual do Mazo de Ferreiravella

As instalacións consérvanse nun entorno natural único

No caso deste traballo, o punto final non chega porque necesariamente a produción sexa innecesaria ou careza de demanda. Máis ben porque non existe un interese real por parte das novas xeracións en aprender o oficio. Así como tampouco unha formación concreta que oriente á xente moza e coa que poder acadar os coñecementos precisos.

 

Nesta liña, Agustín pon sobre a mesa unha posible vía de recuperación formulando que “a única maneira de que seguise adiante sería a través da Xunta, que fixeran obradoiros para así mantelo permanente, senón o oficio desaparece como desaparece o rural”.

O CARPINTEIRO DE RIBEIRA

Galicia é a rexión europea onde máis carpinterías de ribeira existen en activo. Porén, o futuro da profesión atópase actualmente limitado pola falta de relevo entre as novas xeracións. 

 

“É un oficio complicado porque leva tempo aprendelo. Complicado nese sentido, no que hoxe todo se quere fácil, rápido e para xa. Coma quen lle fai clic ao botón do ordenador. Isto non é así: require un tempo de aprendizaxe, e entón o relevo xeracional está fastidiado”, reflexiona Francisco Fra. 

"A min gústame transmitir todo isto. Eu non quero que morra, de ningunha maneira"

- Francisco Fra

Existen tamén unha serie de factores relacionados coa forma de concibir o mundo actualmente, e que poderían ser unha peza chave na labor de salvagarda do oficio. “Vanse dando pequenos pasos. A carpintería de ribeira foi declarada Ben de Interese Cultural en Galicia. Isto non é a chave das noces, pero hai que ir pouco a pouco loitando por ir preservando todo isto”, comenta o carpinteiro de San Cibrao.  

O MUIÑEIRO

"Para que vou seguir se non hai que moer?"

- Manolo Novo

Esa é a pregunta que nos fai o noso protagonista cando lle mencionamos a perda deste traballo. Trátase dun oficio que parte dunha tarefa fundamental: a plantación e colleita de trigo, millo ou centeo para moer. Actualmente, queda pouca xente que elabore o pan na casa e, polo tanto, non se precisa fariña coma antes. Tamén cada vez hai menos cabezas de gando e os propietarios optan, na súa maioría, por mercar o penso.

Detrás da perda deste oficio atópase, unha vez máis, o despoboamento do ámbito rural. Para Manolo, esta problemática ten a maior parte da culpa cando falamos da desaparición dos oficios tradicionais. Neste sentido, a falta de relevo xeracional vén dada pola imposibilidade de adicarse a un traballo coma o de muiñeiro que, hoxe en día, non ten ningunha demanda por parte da sociedade.

"Antes nas aldeas había ata doce persoas en cada casa. Pasaba máis xente por Noceda a diario da que pasa hoxe por todo o concello"

- Manolo Novo

Muíños coma o de Manolo, que se atopan en bo estado, e que aínda funcionan, consérvanse grazas ao interese dos seus propietarios. Forman parte da herdanza dos antepasados e saben a importancia de coidalos. Con todo, o propio Manolo dubida do futuro que poden ter unha vez que se comece a notar a súa ausencia. 

DSC_0330.JPG
DSC_0299.JPG

Manolo repara as instalacións do seu propio muíño

Ademais, de vez en cando pono a funcionar

O CANTEIRO

A orixe do oficio de canteiro data da Idade Media e chega, aínda que xa de forma borrosa, ata os nosos días, con importantes cambios e matices. A historia da sociedade mudou en boa medida e foi tal esta transformación que a industrialización facilitou moitos traballos. A cantería foi un deles, pois pasou de esixir gran esforzo físico a convertelo no máis práctico posible tendo en conta as circunstancias. 

"Hoxe en día hai máquinas para todo"

- Benito Franco

Benito, canteiro pontevedrés, adicouse toda a vida a este oficio e viviu en primeira persoa o proceso de transformación durante as últimas décadas. Con todo, segue sendo unha profesión sacrificada, especialmente porque se trata dun traballo que se leva a cabo en exteriores. De aí que non esperte interese entre as novas xeracións, ao que Benito alega que “segue sendo un pouco máis duro, sobre todo na obra, nun taller de escultura aínda podes traballar abrigado, pero na obra tes que apañar todo”.

Dálle ao PLAY para escoitar as declaracións de Benito

Polo tanto, unha vez máis, trátase dun oficio que se apaga, do que xa non queda rastro porque os tempos cambian e nós, querendo ou sen querer, facémolo con eles; buscando convivir e sobrevivir.

O LIÑO

O proceso artesanal de transformación do liño é unha labor case extinta, que só manteñen certas organizacións e asociacións de xeito simbólico. O museo Casa do Patrón, na parroquia lalinense de Doade, é unha das entidades que o conserva, neste caso por mor da Recreación do Proceso do Liño, que celebrará a súa XV edición o próximo outubro. 

 

“Hoxe en día é imposible volver a revivir coma antes todo o proceso do liño que se facía no rural. Nós cultivámolo só para facer unha recreación e é moi custoso, e hoxe con todos os produtos industriais que veñen de fóra, non compensa”, argumenta Lola Varela, propietaria da Casa do Patrón.

Outras iniciativas levadas a cabo con fins semellantes son a Tasca do Liño, na parroquia de Insua (Vilalba), ou as múltiples actividades arredor deste tecido que organiza a Asociación Amigos do Liño en Baio (Zas).

Pola contra, ten o oficio de tecelá segundo Manuel Otero, un futuro esperanzador, que resulta de aplicar os tecidos tradicionais a produtos téxtiles actuais. “Antes non se tecía unha tea para facer uns coxíns por exemplo, non existía o concepto coxín nunha casa. Poderíase aplicar un deseño antigo a elementos que se usan hoxe en día”, comenta o tecelán Manuel Otero.

"É posible manter o oficio. Aplicar todos os coñecementos e técnicas ao momento actual, a novos usos"

- Manuel Otero

Arredor da nosa xeografía, existen tecelás e teceláns de profesión, que teñen esta ocupación como principal fonte de ingresos. Porén, a maior parte destes artesás empregan no seu traballo técnicas de tecido non galegas, que tal e como explica Manuel Otero, tecen á europea, usando outras técnicas e outro tipo de teares. “Usan outras técnicas, e isto non é negativo, ao final é un oficio e cadaquén pode elixir”. 

"Son normalmente rapaces e non rapazas os que máis se interesan (...) Para as señoras tamén é raro, que sexamos nós quen cheguemos xunto delas preguntándolle cousas do tear"

- Manuel Otero

O OLEIRO

"A grandes trazos, futuro ten"

- Aparicio Añón

 

Para Aparicio Añón a luz do seu oficio pode seguir alumeando. A baixada da demanda levou a unha importante redución dos artesáns adicados a este arte. Unha situación que agora permite soster o mercado e pensar na posibilidade de que as novas xeracións poidan vivir da olería. Aínda así, o fundamental é que os clientes sigan apostando polos produtos de proximidade e feitos á man.

DSC_0683.JPG

O almacén do taller de Aparicio e a súa familia, lugar onde tamén se sitúan os fornos

 

Pero a realidade volve a aparecer: as novas xeracións non se interesan polo oficio. A tendencia a realizar estudos universitarios e buscar a maior comodidade nun posto de traballo lévanos a afastarnos dos oficios tradicionais. A olería, como toda a artesanía, “é un traballo que implica moitas horas e non se aprende dun día para outro (...) para empezar poden ser un ano, dous ou tres”, confesa o oleiro máis veterano de Buño. As condicións, a saída e o mercado actual complican as circunstancias e o futuro dunha tradición milenaria.

DSC_0696.JPG
DSC_0740.JPG

Na actualidade as máquinas permiten moer o barro e compactalo para sacarlle o aire

O barro moldéase no torno ata conseguir a peza desexada

 

A pesar de todo, a experiencia de traballar o barro coas mans gaña cada vez máis interesados. Para desconectar da rutina e mesmo relaxarse, na actualidade abundan os obradoiros nos que calquera pode facer a súa propia peza de barro e experimentar as sensacións cun oleiro vive no seu día a día. “O barro préstase para ser creativo e é moi manexable”, explica Añón. Mais distan dúas realidades: o oficio e a afección, dúas formas distintas de convivir co barro pero nas que permanece a luz de manter viva a historia da olería.

O PASTOR

Pasar os días no monte pastoreando un rabaño de ovellas é unha idea de futuro que non ronda pola cabeza da xente nova. Así, o oficio apágase sen moito remedio. Segundo explica Manolo, os cambios sociais e económicos que envolven a nosa sociedade van deixando atrás traballos duros coma este que requiren ganas, constancia e, sobre todo, moitas horas.

 

Tamén as trabas administrativas ás que teñen que facer fronte os poucos que escollen este camiño son, para o noso protagonista, outro dos motivos que dificultan seguir adiante con este oficio. Entre a complexidade dos comezos, e o pouco interese da mocidade polo pastoreo, a saúde das gandarías e dos montes de Palleirós está en xogo.

Manolo recorda aqueles veráns na serra cando, como mínimo, se xuntaban catro pastores. Hoxe iso é impensable; el mesmo nos comenta a tristura que produce pasar os día sen ver a ninguén. Unha vez máis, o despoboamento do rural pecha as historias.

bottom of page