top of page
DSC_0620_edited.jpg
LOGO CÍRCULO.png

DEBULLANDO RAÍCES

QUE?

Ademais do proceso, único en cada un dos oficios, tamén o produto que se obtén é clave e definitorio de cada labor. Unha mercadoría que na historia foi fundamental para o sustento das familias dos nosos protagonistas, ou que nalgún caso, era imprescindible para o día a día de todos os veciños da vila. A fariña ou o liño non faltaba en ningunha casa, era materia prima da alimentación e a vestimenta dos nosos devanceiros. Indispensables aínda a día de hoxe nos nosos fogares, doutro xeito e con outra historia, pero aos que cómpre enxalzar para non esquecer as nosas raíces e as dificultades do noso pasado. 

O FERREIRO

A arte do traballo co ferro é historia e tradición en Riotorto. Non o penses e dálle de inmediato ao PLAY para coñecer máis sobre as raíces do oficio que traballa con este metal e que tanta sona ten neste municipio da comarca de Meira.

O CARPINTEIRO DE RIBEIRA

A carpintería de ribeira é un oficio que consiste na construción artesá de barcos de madeira. Son estes carpinteiros auténticos enxeñeiros, que apoiándose no saber transmitido de xeración en xeración, son capaces de deseñar e construír embarcacións que saen a flote.

 

Francisco Fra, carpinteiro de ribeira do porto de San Cibrao (Cervo), na Mariña Lucense Occidental, é unha das figuras que mantén viva a arte da construción artesanal de embarcacións de madeira, un oficio que constitúe unha parte esencial do patrimonio marítimo galego. 

"Este é o oficio máis bonito do mundo, que o digo sempre, porque empezas ti debuxando un barco e ao final podes navegar nel"

- Francisco Fra

DSC_0409.JPG
DSC_0462.JPG

Planos dunha nova embarcación encargada a Francisco 

Bote de madeira localizado no estaleiro Fra para a súa reparación

O PORQUE DA DENOMINACIÓN: A RIBEIRA

O nome de “carpinterías de ribeira” débese á habitual localización dos seus talleres, os estaleiros, en castelán “astilleros”, e da súa mistura, “asteleiros”, que tal é como comenta Francisco Fra, convértese na habitual denominación que se lle da na zona da Mariña, derivada do contacto entre ambas linguas. 

 

Son “carpinteiros de ribeira” porque acostuman situarse nos esteiros, nas desembocaduras do río ou nas ribeiras, é dicir, en zonas protexidas da forza do mar. “O traballo do carpinteiro de ribeira ergueuse sempre en zonas resgardadas, onde a ola non rompe. Isto ten unha razón: poder sacar os barcos a flote sinxela e rapidamente”, explica Francisco Fra.

DSC_0492.JPG

O estaleiro de Francisco Fra, situado á beira do esteiro que forma o río Covo na súa desembocadura no mar en San Cibrao (Cervo). “Se te paras a analizar, dáste conta de que todas as carpinterías de ribeira en todos os portos están situadas nos lugares máis tranquilos”, argumenta o carpinteiro. 

OS USOS ACTUAIS DA CARPINTERÍA DE RIBEIRA

Coa incorporación doutro tipo de materiais na industria naval, o oficio atópase nunha situación de decadencia. “Agora os barcos fanse de poliéster ou de ferro. Son igualmente estaleiros os que se adican a iso, pero non a través dun traballo como o da carpintería de ribeira. Xa non é necesaria esta sabedoría, todo se fai a través dun molde”, argumenta Francisco Fra. 

 

O traballo actual do carpinteiro de ribeira baséase fundamentalmente na reparación de embarcacións. “Hoxe en día temos poucos encargos para a construción de barcos novos”, comenta o carpinteiro de San Cibrao, ao que engade ter actualmente entre mans un proxecto para elaborar unha embarcación. 

 

En novas construcións, o máis común nos nosos días son os barcos de recreo, “para pasear, para o lecer”. Porén, noutro tempo San Cibrao foi un dos portos máis importantes da zona norte de Galicia en canto á construción naval: 

Gráfico de Línea de Tiempo Timeline Multicolor.png

O MUIÑEIRO

O OFICIO

O oficio de muiñeiro está completamente ligado á tradición de elaborar o pan nas casas dende moitos anos atrás. Aínda que a xente tamén acudía a eles para moer o alimento dos animais, a demanda xiraba, principalmente, en torno á necesidade de obter fariña para cocer nos fornos particulares.   

 

Falamos dun oficio moi popular en Galicia, e así o demostran os propios ditos populares e refráns, con verbas que recordan os días e as noites nos muíños.  Ademais de ofrecer un enorme servizo, estas construcións eran un espazo de encontro para os veciños e veciñas que non dubidaban en cantar, bailar e botar uns contos mentres o muíño xiraba convertendo o seu gran en fariña.

"Nos muíños sempre había tempo para o fiandón e a festa. As gaitas e o baile nunca faltaron nestes encontros"

- Miro Girondo

 

Trátase dun traballo que ía pasando de xeración en xeración, de pais a fillos, dentro das propias familias. Moitos deles contan que colleron o relevo por obrigación, pois era inevitable aprender o oficio e as súas faenas despois de pasar tanto tempo nos muíños. De feito, non hai familia de muiñeiros na que os seus membros non coñezan as entrañas do oficio.

OS MUÍÑOS

Os muíños son uns dos elementos etnográficos máis representativos do rural  galego. Hainos de moitos tipos, dende eólicos ata tirados por animais, pero son os muíños de auga os que máis abundan en Galicia e tamén os máis empregados nos últimos séculos. Construídos en pedra e situados ao carón dos ríos, empregan a forza hidráulica para moer o gran de  cereais como o millo, o trigo ou o centeo dos que se obtén a fariña.

DSC_0332.JPG
DSC_0271.JPG

Interior do muíño da familia Novo de Noceda

Instalacións da acea de Pérez, en Connavia (Pedrafita do Cebreiro)

O CANTEIRO

O canteiro desenvolve un traballo baseado no labrado da pedra: unha arte tan antiga coma o propio ser humano. Dita profesión, exercida maioritariamente por homes, foi tan propia da nosa terra como das veciñas, pois a necesidade de levantar construcións non escapaba de ningunha comunidade. Os canteiros foron pois esenciais na fabricación de casas, cruceiros, esculturas e edificios con infinidade de funcións. 

DSC_0594.JPG

Benito amosando a parede dun muro de pedra que el mesmo traballou e levantou

Galicia dispón de moi boa materia prima, de aí a importancia no pasado da labor dos pedreiros e canteiros: os primeiros facilitaban a materia de traballo aos segundos, aínda que moitos canteiros arrincaban a pedra que precisaban. É o caso de Benito Franco, quen conta como durante a súa adolescencia traballaba no monte cun pico do que se axudaba para obter a pedra coa que logo construían casas e outras edificacións. 

DSC_0571.JPG
DSC_0581.JPG

Benito amosa as cornixas e decorativos da construción

Tamén a pedra do pasamáns foi traballada por Benito

Dálle ao PLAY para escoitar as declaracións de Benito

Para ser bo canteiro comezábase o oficio arredor dos doce anos e durante un longo período de tempo desenvolvíanse tarefas de aprendiz servindo aos profesionais. Era desa forma, axudando aos sabedores do oficio, como as novas xeracións aprendían a forma de proceder e os detalles dun oficio tan manual como teórico. Era fundamental entender as proporcións e as formas para lograr o sustento das construcións levantadas.

"Empecei a ir para o monte con 13 anos con meu pai"

- Benito Franco

Pola súa parte, tamén existen particularidades que definen este oficio. Unha delas é a fala gremial dos canteiros de Pontevedra, a verba dos Arxinas, que lles facilitaba a conversación entre os profesionais sen que as demais persoas se decatasen do que dicían. Resultáballes especialmente funcional cando se acercaban os xefes e era necesario demostrar a súa valía como profesionais da pedra.

O LIÑO

DEFINICIÓN E CONTEXTUALIZACIÓN

O proceso artesanal do liño é unha das labores máis representativas da cultura rural de Galicia. É o liño unha planta herbácea de flores azuis da que, tras un proceso de manipulación, se obtén unha fibra téxtil coa que fabricar fíos e tecidos.

"As teas que máis se facían a partir do liño eran pezas para cama ou para vestimenta"

- Manuel Otero

DSC_0508.JPG

Un feixe de liño seco e coa flor que conservan no museo Casa do Patrón, na parroquia de Doade (Lalín)

Existen referencias á presenza destes tecidos en Galicia dende a época castrexa, hai polo menos 2500 anos. O seu progresivo declive prodúcese a partir do século XIX, cando a produción de teas tradicionais se foi abandonando até desaparecer practicamente por completo na década dos 60. 

 

“Antigamente esta era a única maneira de ter tecidos nalgunhas zonas de Galicia, a onde non chegaba nada máis. Coa chegada de fibras novas a xente deixou de pasar este traballo. É un proceso moi laborioso, que ocupa o ano enteiro”, explica o tecelán Manuel Otero.

 

AS DÚAS FASES DO PROCESO

Cómpre distinguir neste proceso de produción artesanal dúas tarefas diferenciadas: a produción do liño e a labor de tecer. “A produción do liño é unha cousa e tecer é outra, son procesos diferentes”, comenta Manuel Otero.

 

O proceso de obtención do liño era levado a cabo polo groso feminino da veciñanza, dende o sementado até a obtención do fío. “Logo, o habitual era que houbera unha ou dúas tecelás en cada aldea, a onde as familias levaban o fío a tecer”, explica o tecedor.

O OLEIRO

A olería é un oficio que nace ligado ás necesidades básicas, para satisfacelas e facilitalas. Datado da prehistoria, os nosos devanceiros comezaron a traballar o barro para convertelo en útiles cos que cociñar, recoller froitos, comer ou mesmo mostrar adoración a deuses e figuras divinas. En Buño aconteceu o mesmo, pero xa máis preto dos nosos días, arredor dos anos 40 a demanda de vaixelas de cerámica seguía sendo elevada. 

 

Aparicio, que rexenta a súa olería no número da rúa Nova de Buño, recoñece que “a comercialización e máis produción é moi distinta a día de hoxe que hai 100 anos ou 50”. Segundo el mesmo conta, no pasado traballábase fundamentalmente para feiras e mercados, onde se vendían produtos de primeira necesidade. 

"A xente tiña que ter un porrón para ir á fonte e unha tarteira ou unha cunca para comer o caldo"

- Aparicio Añón

chocolateira.jpg
cazos do leite.jpg

Chocolateiras tradicionais conservadas no Ecomuseo Forno do Forte

O complexo museístico conserva unha gran cantidade de útiles tradicionais

 

A inexistencia de plástico, aceiro inoxidable e outros materiais empregados na actualidade obrigaba ás civilizacións a empregar os materiais da natureza para facilitar o seu propio día a día. Pero agora os hábitos de consumo mudaron por completo. Abundan os produtos fabricados industrialmente con materias primas máis baratas e que requiren un menor tempo de produción. O que como consecuencia fixo que se reducira enormemente a demanda das vaixelas e produtos de cerámica.

"Agora hai persoas que queren ter un porrón para a auga, pero xente determinada"

- Aparicio Añón

 

Na actualidade, a venda de produtos de barro redúcese aos encargos para empresas ou organismos, lembranzas ou clientes que por tradición queren conservar determinadas pezas nas súas casas. “A produción é moi diversa, fas dende catro trofeos para unha carreira pedestre a 100 cuncas para unha comida”, asegura Aparicio.

O PASTOR

Un día con Manolo é suficiente para saber en que consiste o oficio de pastor. Non é difícil, pero require tempo. Tanto tempo que, en Palleirós, quen se adica a pastorear as ovellas ten que estar con elas todo o día, da mañá a noite, independentemente das condicións meteorolóxicas. O principal motivo é a presenza dos lobos, que ameazan con atacar o gando constantemente. 

 

Ademais, nesta zona o monte é común. Isto significa que as ovellas poden andar pastando de finca en finca sen ningún control máis ca o que exerce o pastor sobre elas para que non pasten sempre no mesmo lugar. Esa función de controlar e supervisar é a que teñen os pastores día tras día nos montes de Palleirós.

OS VERÁNS NA SERRA

 

Durante o verán, de xuño a agosto, os pastores de Palleirós pasan os días e as noites na serra. É algo que levan facendo dende moito tempo atrás, pois xa os seus antepasados superaban a época estival entre as montañas. E facíano co mesmo obxectivo: protexer o seu gando do lobo.

O BENEFICIO ECONÓMICO

 

O beneficio económico é un aspecto que foi mudando co paso dos anos. Antigamente, aos pastores pagábaselles co gran do centeo, nunha medida coñecida como tega ou ferrado. Eran os veciños e veciñas, a aldea no seu conxunto, os que pagaban por ese servizo de coidado do gando, pero facíano ao final do ano. 

"Non era para ser ricos, pero vivías como traballando en calquera empresa"

- Manolo Fernández

Hoxe en día, os pastores obteñen a ganancia, principalmente, a través da venda de carne dos cordeiros. Tamén lles axudan as subvencións outorgadas pola PAC (Política Agraria Común), pero segue sen ser suficiente para afrontar os niveis de vida actuais. Por iso agora Manolo, e seguramente moitos pastores máis, conciben o oficio como unha rutina desobrigada que se fai por apego e cariño ao pasado.

bottom of page