DEBULLANDO RAÍCES
COMO?
Cada un dos oficios conta cun proceso único que define a súa estrutura e funcionamento. Unha serie de labores que caracterizan o traballo, que co paso do tempo foi evolucionando, pero que nalgún caso aínda conserva a memoria do que precedeu. É nesta sección onde poderás atopar minuciosamente a clave de cada un dos oficios que imos debullando. Só tes que seguir deslizando para saber máis e decidir que labor queres coñecer con máis detalle...dálle!
O FERREIRO
Os ferreiros encárganse de realizar toda clase de ferramentas en metal, ademais de mangar e arranxar pezas estragadas, fabricar carros ou facer ferraduras para os cabalos.
Para entender mellor o seu labor, a continuación amosamos unha galería de imaxes acompañadas de breves explicacións de cada unha das fases que se precisan para fabricar un coitelo de sangue nunha forxa.
Inicialmente, hai que acender a forxa. Para iso, hai que prender lume e botarlle carbón de mina ou vexetal. Non obstante, precísase dun instrumento que xere aire para facer e manter a fogueira, de modo que nesta ocasión o que se utilizou foi un ventilador. Deste xeito, o metal, que os ferreiros mercan en barretas de aceiro ou en chapas a medida, quéntase no lume da forxa ata que adquira unha cor vermella, o que permite que poida manipularse e estirarse.
A continuación, no mazo, unha especie de martelo xigante, adelgázase e dáselle forma ao metal, xa que grazas á alta temperatura pode moldearse en función do utensilio que se queira facer, que neste caso é un coitelo de sangue.
Posteriormente, procédese á fase do cravuñado na bigornia, que consiste en sacarlle as impurezas ao coitelo. Deste xeito, golpéase cun martelo o aceiro que, previamente, se mete en auga, de modo que esta última fai de molde e non permite que se croque, conseguindo que quede totalmente limpo. Tamén é nesta fase cando se pon a marca do ferreiro, nesta ocasión de Faustino Iglesias, pai de Agustín.
Agustín cravuña o coitelo na bigornia
Procédese ao gravado da marca
Acto seguido, realízase o temperado. Para iso, o coitelo amórnase. Isto é, pásase pola auga á par que tamén polo lume, de maneira que co cambio de temperatura adquire dureza para que logo corte. Con todo, hai que ter coidado co temperado. Se se lle da moita, o aceiro ao ser fráxil pode romper, mentres que se leva pouca, probablemente non corte. Despois de temperar o coitelo, hai que mangalo, é dicir, revestilo dunha empuñadura. Finalmente, afíase para que adquira un corte perfecto e así xa se podería empregar ou ben proceder a súa comercialización.
O CARPINTEIRO DE RIBEIRA
A carpintería de ribeira é unha profesión con moitos anos de antigüidade. É por isto que as súas técnicas tamén foron mudando co paso dos séculos. Un destes cambios é o emprego actual dun estaleiro como a peza principal do traballo do carpinteiro de ribeira.
“Antigamente non era necesario o estaleiro, os carpinteiros non tiñan sitio fixo, facían os barcos nos propios portos e tamén se desprazaban a outros lugares para traballar”, comenta Francisco Fra. Porén, era necesario un espazo cuberto para a fase de trazado da embarcación. “Os que non tiñan estaleiro facíano na casa, nunha sala grande que permitira facer un debuxo a tamaño natural de 6 ou 7 metros”, engade o carpinteiro.
Esta situación estaba propiciada por un contexto no que todo o traballo era manual. A chegada da electricidade aumentou a necesidade de traballar ao cuberto, en naves emprazadas nun lugar determinado.
Dálle ao PLAY para escoitar a explicación de Francisco
As principais madeiras empregadas na elaboración dos barcos galegos son o carballo, o pino do país e o eucalipto. “O carballo é a madeira principal na construción dun barco, e é moi difícil de substituír por outra. O pino úsase fundamentalmente para o forro da embarcación e o eucalipto para pezas lonxitudinais e resistentes”, explica Francisco Fra.
Antigamente, o traballo do carpinteiro de ribeira comezaba no monte, coa labor de corte da madeira. “Eran en moitos casos os propios carpinteiros os que ían ao monte a cortar a madeira. Eu xa nunca fun, é algo máis antigo”, comenta. Nos nosos días, o traballo do carpinteiro de ribeira comeza e remata no propio estaleiro, sendo a primeira destas labores o deseño e o trazado da embarcación.
PRIMEIRO PASO. Elaboración do modelo de medio casco con madeira.
SEGUNDO PASO. Trazado a partir do modelo de medio casco. Marcaxe das liñas de augas e das cadernas. As liñas de augas representan os diferentes niveis nos que a auga limita co casco dunha embarcación ao flotar.
TERCEIRO PASO. Elaboración da cartilla de trazado. Unha táboa de medidas que permite traspasar o deseño feito a escala a un trazado a tamaño real.
CUARTO PASO. Traspaso do deseño en papel á madeira, a partir das medidas tomadas na cartilla de trazado.
O MUIÑEIRO
Os muiñeiros, pero tamén os clientes dos mesmos, saben ben que hai un longo e laborioso traballo antes de pasar polo muíño e saír co saco cargado de fariña ou penso para o gando. Contan que o proceso comeza sementando o trigo en abril, e recolléndoo polo mes de agosto. Pouco tempo despois hai que facer a malla e sacar o gran do que, unha vez moído, sae a fariña. No caso do millo, móese directamente para obter del o penso dos animais.
Unha vez obtido o gran, este almacenábase en sacos dentro dos hórreos. Alí estaba ata o momento de ir moer ao muíño. Non había unha data exacta para facelo, pois a afluencia de clientes era constante. Con todo, cabe destacar que a actividade aumentaba durante a época da ceba dos animais, isto é, dende finais de agosto ata decembro.
Os clientes chegaban ao muíño nas cabalarías ou andando, e levaban os sacos cheos de gran para moer. Unha vez alí, o proceso era rápido e sinxelo.
Estado actual das instalacións do muíño de Manolo, situado en Noceda (As Nogais)
Todos os muíños contan con dúas instalacións; unha é para moer o gran do millo, do que sae o penso dos animais, e o outro é para moer o trigo, de onde procede a fariña coa que despois se fai o pan. En primeiro lugar, o gran, que vén en sacos, introdúcese pola moxega (contedor de madeira que se sitúa sobre a moa).
E dende aí vai pasando pola quenlla. Unha pequena canle de madeira que traslada o gran dende a moxega ata a moa. A inclinación da quenlla pódese regular para que pase máis ou menos cantidade de gran.
A moa é unha peza de pedra que, movida pola forza da auga, vai xirando sobre outra pedra fixa, coñecida como pé, e triturando o gran ata convertelo en fariña ou penso.
A moa é a peza superior que se pode mover
A pedra fixa coñécese como pé do muiño
Finalmente, o gran vai saíndo triturado ao xirar a moa contra o pé do muíño, que consegue convertelo en fariña. Isto é posible grazas á forza hidráulica do río que envolve esta construción.
A PENEIRA: ELEMENTO FUNDAMENTAL
Esa parte do muíño que leva o nome de peneira é un dos elementos fundamentais á hora de obter a fariña. Falamos dunha caixa de madeira, composta por unha fina tela, que permite separar por un lado a fariña e, por outro, o salvado. Este último compoñente aproveitábase tamén para os animais.
O CANTEIRO
Antigamente, traballar coa pedra esixía de grandes esforzos físicos. O primeiro que había que procurar era esta materia prima, que acostumaba recollerse nas canteiras, e que transportaban en camións que se cargaban a man. Unha vez obtida, trasladábase ao taller e centrábanse en preparala debidamente: cortar e medir as pedras para logo proceder ao ladrado manual coas respectivas ferramentas.
Para facer unha casa, por exemplo, traballaban en torno a 40 persoas e cando comezaban coa construción do baixo dunha, acto seguido, procedían xa a levantar outra na zona que estivese próxima. Cómpre destacar que para poder subir a pedra, a medida que a altura da construción ascendía, valíanse dunha polea da que tiraban cunha corda que se conectaba cunha carrucha.
Igualmente, o traballo do canteiro non estivo centrado só na construción de casas ou edificios, senón que tamén abordaba o ámbito da escultura, que necesita máis precisión e concentración pero que resulta menos duro porque se realiza nun interior, no taller, e non está exposto á climatoloxía.
Entre as ferramentas máis comúns atopábanse os ciceis, os máis finos empregados para traballar os detalles (como as cornixas das ventás) e a escultura, e os máis anchos para labrar as pedras grandes e de menor precisión. Xunto con este primeiro instrumento, era imprescindible a maceta, coa que se daban os golpes sobre o cicel, que ía creando a forma que se desexaba sobre a pedra. Logo, tamén botaban man dun escalfiador, co cal se cortaban e eliminaban as partes sobrantes da pedra. "O escalfiador empregueino en Francia moito, pero tamén aquí (...) usámolo moitísimo", lembra o canteiro de Xustáns.
Ademais, Benito tamén recorda como se traballaba co pico na canteira, o cal desprazaban ata o monte a costas repartindo os tempos entre os rapaces e aprendices, "era o que había pa sacar a pedra", confesa. Finalmente, tamén botaban man dunha lima coa que melloraban a utilidade das demais ferramentas.
O LIÑO
No tocante ás fibras, as máis comúns dende sempre en Galicia foron a la, extraída das ovellas, e o liño. “A maioría das pezas téxtiles elaborábanse con eses dous materiais, e a combinación de técnicas, fiados e tintados era o que daba os diferentes deseños dos tecidos”, comenta o tecelán Manuel Otero.
A labor de obtención do material téxtil, dende o cultivo da planta até a consecución da tela, é un proceso que trae consigo aproximadamente un ano de traballo constante. A continuación, expóñense as diferentes fases polas que avanza o liño até converterse en tecido.
Algunhas das imaxes recollidas nestas liñas do tempo pertencen ao libro de divulgación “Manual lingüístico e didáctico do obradoiro do liño”, de Manuel Blanco Villar, producido pola Casa do Patrón.
A ELABORACIÓN DO TECIDO
Agradecementos á Casa do Patrón de Doade polo libro “Manual lingüístico e didáctico do obradoiro do liño”, de Manuel Blanco Villar, traballo previo que nos axudou, inspirou e guiou na elaboración desta reportaxe.
O OLEIRO
A PRODUCIÓN ANTANO
Debemos remontarnos ao século XVI para atopar os primeiros rexistros da olaría de Buño, cando o oficio estaba xa plenamente consolidado, o que nos permite situar a súa aparición moito antes, mesmo na prehistoria. Pero por que en Buño? Pola calidade do seu barro, da que o propio Aparicio Añón dá fe.
O traballo dos oleiros comezaba precisamente cando se procuraba o barro, o cal se extraía dun pozo no monte para logo poñelo a secar e poder traballalo ata conseguir unha materia prima moldeable. Un barro que aparece na natureza en forma de pedra e debe chegar a converterse nun porrón, unha cunca ou un pote de queimada. Un proceso único que Aparicio explica e mais recorda á perfección.
A forma de proceder, unha arte milenaria, foi conservada polos veciños desta localidade malpicá que aínda celebran cada ano unha mostra no Ecomuseo Forno do Forte. Un forno comunal no que antes cocían cada mes ou mes e medio os oleiros, axudándose uns a outros, e que agora coce pezas unha vez ao ano para amosar e conservar o facer tradicional.
"A mesma peza anda moitas veces na mesma man"
- Aparicio Añón
O TRABALLO NA ACTUALIDADE
As máquinas e as melloras na calidade de vida, permitíronlle aos oleiros establecer os fornos nos seus propios talleres, así como facilitar o proceso de traballado do barro e axilizar a comercialización das pezas. Aparicio Añón é o reflexo desta evolución, pero ao mesmo tempo recoñece o gran peso que ten o traballo manual durante todo o proceso de elaboración da cerámica.
En definitiva, as novas ferramentas facilitaron algúns procesos da olería pero a súa esencia reside no traballo coas mans, polo que non pode evolucionar moito máis aló para non perder o verdadeiro valor dun oficio artesanal e milenario.
O PASTOR
Se ben é certo que o oficio foi evolucionando co paso dos anos, pois conta Manolo que “agora hai máis facilidades”, o procedemento segue sendo o mesmo.
No caso de Palleirós, os pastores forman unha sociedade e fan quendas para pastorear todo o gando xunto. As quendas defínense en función do número de cabezas que posúa cada pastor: cada 20 ovellas é un día de pastoreo. Na sociedade de Manolo, agora só quedan tres pastores. Isto implica que, de cada oito días, a el tócalle ir pastorear tres xornadas consecutivas
O día dos pastores comeza ao amencer preparando a merenda que van levar ao monte e dándolle de comer aos cans. O seguinte paso é xebrar as ovellas, é dicir, separar as nais das crías para deixar estas últimas na corte. E, xa por último, reunir todo o gando (xa separado) nun punto común da aldea para que o pastor ao que lle toca ir ao monte poida emprender o camiño.
A CORNA: UNHA COMUNICACIÓN TRADICIONAL
A corna é o instrumento empregado xa antigamente para comunicarse entre os pastores nas aldeas
O son da corna indica a hora de saída ou de chegada do pastor. Tamén a tocaban no monte para avisar de calquera contratempo
"O son da corna é como cando vén o froiteiro. O pastor toca a corna para avisar a toda a aldea da hora de saír"
- Manuel Fernández