top of page
MANOLO DE NOCEDA
LOGO CÍRCULO.png

DEBULLANDO RAÍCES

QUEN?

A historia dos oficios non tería sentido sen os seus protagonistas. Persoas que adicaron a súa vida ao seu traballo e que agora conservan na súa memoria, e algún aínda nas súas mans, un tesouro da nosa tradición: a arte de traballar coas mans. Cada un deles garda a súa historia particular, cargada de sentimento. Unha historia da que ti mesmo podes gozar a partir dos vídeos, imaxes e sons que eles quixeron compartir con nós. Agora ti decides, de quen queres coñecer máis?

O FERREIRO

Agustín Iglesias é un ferreiro que dedicou, e segue dedicando, a súa vida a esta profesión grazas a seu pai, Faustino Iglesias, de quen aprendeu o oficio.

 

É un dos máis coñecidos da zona de Riotorto, un municipio con longa tradición de ferreiros, dende o val do Rego de Ferreiravella ata a zona de Carboeiro, onde boa parte da poboación se empregou e aínda se emprega na fabricación de fouces, coitelos e outras ferramentas de corte.

O CARPINTEIRO DE RIBEIRA

Francisco Fra Rico é carpinteiro de ribeira de profesión. Medrou no estaleiro de seu pai. Eses recordos e vivencias foron as que o levaron a manter unha conexión co oficio, única e especial, coa que hoxe segue acudindo a traballar.

 

Francisco, recoñece a súa paixón pola carpintería dende que ten uso de razón. A el, o oficio é algo que lle vén de familia; aprendiz de seu pai e de seu tío, este carpinteiro conta cunha tradición familiar que se remonta xa á sétima xeración. 

O MUIÑEIRO

Podemos dicir que Manolo Novo mamou o oficio dende ben pequeno. Con tan só 8 anos, este veciño de Noceda (As Nogais) xa sabía o que era pasar os días no muíño con seu pai, e aos vinte xa comezou a ser un muiñeiro máis da zona. 

 

O oficio chegoulle por transmisión familiar, pero pouco tardou en aprendelo. Manolo recórdanos como eran os días no muíño, pero tamén a rutina dos que por aquela eran os seus habituais clientes. 

Os clientes, dos que fala Manolo, son unha peza fundamental deste oficio. A constante demanda de gran foi a que fixo funcionar durante tantos anos os muíños. 

 

Miro Girondo e Luis García son dous deses clientes que coñecen ben o que é ir moer con gran frecuencia. Andando ou nas cabalarías, pero sempre contentos por marchar cos sacos cheos de fariña.

O CANTEIRO

Benito Franco é un canteiro xubilado da provincia de Pontevedra que adicou toda a súa vida a esta profesión. Comezou nela grazas a seu pai, a quen acompañou como axudante durante un considerable período de tempo unha vez rematados os estudos obrigatorios naquel tempo, á idade dos 13. Dende que comezou estivo buscando a vida en diferentes lugares do país e incluso fóra del ata rematar de novo en Galicia como autónomo á fronte dunha empresa de cantería. Malia ser un oficio moi duro e sacrificado, a día de hoxe non se lamenta pola decisión que tomou sobre o seu futuro laboral.

O LIÑO

OS TECELÁNS DE HOXE

Manuel Otero é unha das persoas que segue a manter vivo nos nosos días o proceso e o oficio de tecedeira. El encabeza xunto co seu compañeiro Carlos Díaz “Panos D’Aqui”, un proxecto de investigación e á vez creación de pezas de liño tradicionais. 
 

"Tecemos á galega, coas técnicas propias de aquí. Fago pezas para traxe tradicional e outras diferentes, que elaboro por gusto"

- Manuel Otero

 

Comenta o tecelán que ademais da labor de tecer ao xeito tradicional, tamén de xeito simbólico mantén o proceso de transformar o liño, dende o sementado até o fiado. “Sementamos un pouco liño só para non perder a semente propia de aquí, aínda que a maioría do que uso para tecer é fío antigo que consigo ou industrial. Sería inviable facer só dúas persoas todo o que trae consigo o proceso, que antigamente se facía entre 20 mulleres”, confesa.

AS TECEDEIRAS DE ANTANO

A produción de liño en Galicia baseouse sempre nunha economía familiar ou a pequena escala, onde a veciñanza se xuntaba co fin de levar a cabo as diferentes fases do proceso. O oficio de tecedeira era fundamentalmente feminino, e tiñan unha presenza destacada as mulleres solteiras, é dicir, aquelas que foran nais solteiras.

"Foi un oficio de homes ata que deixou de ser rendible. Despois, quen mantivo a profesión, as técnicas e o coñecemento até os nosos días foron as mulleres"

- Manuel Otero

Coñecida como Hortensia de Zobra, da parroquia de Zobra (Lalín), é unha das tecedeiras que chega viva até os nosos días. E é que co paso dos anos, son cada vez menos as mulleres que recordan as técnicas dun oficio que desaparece.

O OLEIRO

 

Aparicio Añón é oleiro en Buño, unha parroquia de Malpica de Bergantiños na que aos foráneos sorpréndenos a cantidade de olerías. Mais para os malpicáns e malpicás é o día a día. A súa historia e tradición está estreitamente ligada ao barro e ao traballo do mesmo, datando do ano 1500 os primeiros rexistros da actividade oleira de Buño. 

 

A olería de Aparicio é un fiel reflexo desa tradición, pois a súa familia adicouse sempre á elaboración de cerámica. Un oficio que chegou a el por herdanza e no que comezou con tan só 14 anos, cando quedou á fronte do negocio familiar.

 

O esforzo e o traballo foron convertendo Olería Aparicio nun gran taller no que acumula miles de pezas en produción, almacenamento e exposición. Pero o que máis acumula o obradoiro de Aparicio é a hospitalidade coa que todos os membros da familia reciben a quen decide atravesar a porta e interesarse polas fermosas pezas que elaboran. 

O PASTOR

Un oficio non cansa nin aburre cando depositas nel toda a paixón do mundo. O claro exemplo diso é Manolo Fernández, pastor de toda a vida en Palleirós. A pesar das dificultades que puido atopar, Manolo non ten dubidas de que escolleu o mellor oficio. Ou, polo menos, o que máis feliz o fai.

"Este é un oficio que che ten que gustar. E a min está claro que me gusta"

- Manolo Fernández

 

O feito de que seu pai fose pastor levou a Manolo a medrar no monte, entre as ovellas, as cabras e os mastíns que as protexen. Como moitos dos galegos por aquela época, emigrou a Barcelona na busca de traballo, pero non tardou moito en volver. Unha vez asentado na súa terra, tamén co motivo de coidar de seu pai, Manolo decidiu que quería ser pastor. Un oficio duro, especialmente no inverno, pero que lle permitiu vivir e manter a súa familia dignamente. Aínda que tivo outros traballos, coma o de cociñeiro, o noso protagonista nunca deixou de pastorear.

"Ás veces no monte lostregaba tanto que parecía que se che partía a alma"

- Manolo Fernández

El mesmo recorda os malos momentos que viviu moitos días baixo a tormenta, mesmo sen comida ou en pésimas condicións económicas. Pero, ao mesmo tempo, Manolo tamén nos fala do ben que o ten pasado, nos largos días de verán na serra, durmindo en colchóns de toxo e compartindo aventuras cos demais pastores de Palleirós.

bottom of page